Asinar por unha migración máis segura para as mulleres

As mulleres vense obrigadas a fuxir das súas casas pola guerra, a violencia, a pobreza ou a exclusión. En guerras, como a que está a sufrir Ucraína, non podemos deixar de dar visibilidade os retos adicionais aos que se enfrontan as mulleres en situación de refuxio: trata de persoas, violencia sexual, extorsión, redes de explotación sexual e mesmo secuestros. Nos procesos de mobilidade forzada, as mulleres e nenas, que son maioritarias, precisan de medidas específicas de atención, apoio e protección.

Desde Alboan, Entreculturas, Fundación Ellacuría e o Servizo Xesuíta a Migrantes, puxemos en marcha esta campaña de recolla de sinaturas Mulleres na Marcha: mulleres migrantes, mulleres con dereitos.

É urxente reclamar a incorporación da perspectiva de xénero no Novo Pacto Europeo sobre Migracións e Asilo para defender os dereitos humanos das persoas migrantes e garantir unha resposta ás múltiples formas de violencia que condicionan e complican os procesos migratorios das mulleres.

En 2020, a Comisión Europea presentou unha proposta de Pacto Europeo sobre Migración e Asilo que UrsulaVonDer-Leyen definiu como "un novo comezo para a política de migración e asilo da UE". Porén, o certo é que reforza as medidas que priorizan as políticas de retorno, apostan pola externalización e securitización das fronteiras e perpetúan a criminalización da migración e, polo tanto, obvia os verdadeiros retos deste fenómeno global. E é que, "a migración é un fenómeno influenciado polas cuestións de xénero" (Relator Especial sobre os dereitos humanos das persoas migrantes). Así, as causas que orixinan a fuga, os obstáculos que se atopan no tránsito e as condicións ás que se enfrontan no destino, inciden de xeito diferenciado nos procesos migratorios das mulleres, caracterizados pola interseccionalidade das violencias[1].

Por iso, ante unha proposta que perpetúa a desprotección e non recoñece impactos diferenciados das violencias que sofren as mulleres nos procesos migratorios, necesitamos unha lei que considere a interseccionalidade das desigualdades sociais estruturais e as políticas discriminatorias que afectan a todas as fases dos procesos migratorios. 

Co obxectivo de reforzar e adaptar a perspectiva de xénero no Pacto de Migración e Asilo da UE, incidimos na urxencia de considerar as seguintes recomendacións e demandas.

  1. Incorporar medidas que consideren a perspectiva de xénero que comprometan os Estados a protexer as mulleres e as nenas migrantes contra a discriminación, o abuso e as vulneracións dos seus dereitos por razón de xénero en todas as fases da migración.
  2. Esixir a incorporación de medidas políticas integrais sensibles a unha perspectiva interseccional de xénero e dereitos, que respondan de xeito integral ao retroceso dos dereitos humanos e dos dereitos das mulleres migrantes que supón a actual proposta.
  3. Avogar pola cooperación entre os países de orixe, tránsito e destino como alternativa ás medidas que reforzan a externalización e securitización das fronteiras, co fin de situar os migrantes no centro e garantir a protección dos seus dereitos humanos en todas as fases do proceso, sexa cal sexa, a condición migratoria. Especialmente preocupante é o impacto que teñen as políticas disuasorias nas mulleres que acaban sendo obxecto de trata; que enfrontan procesos de inmigración cos seus fillos ou fillas; que emprenden o proceso migratorio embarazadas ou que, como consecuencia de violacións, quedan embarazadas en tránsito.
  4. Instar a reconsiderar a medida de aceleración dos procedementos fronteirizos, xa que supón un retroceso nos dereitos humanos e nos dereitos das mulleres. Este mecanismo, ademais de favorecer a creación de centros de detención onde se veu demostrando a ausencia de protección dos dereitos humanos e onde as mulleres son especialmente vulnerables; limita o tempo e os recursos para identificar as vulnerabilidades que se poida derivar da condición de xénero: trata, violencia sexual en tránsito, fuxida por razóns de xénero que poden dar lugar a protección internacional e, polo tanto, dificulta o recoñecemento de vulneracións e violencias, e as posibilidades de solicitar asilo.
  5. Implantación de xeito obrigatorio, iniciativas de formación en perspectiva de xénero dirixidas a calquera persoa, institución, axencia ou servizo implicado nalgunha das fases do proceso migratorio, para evitar un retroceso en materia de DDHH, a revictimización e o trato discriminatorio cara ás mulleres e nenas, por parte das autoridades ou administracións públicas durante todo o proceso migratorio.

Necesitamos a túa axuda para que a súa voz sexa tida en conta. Moitas vidas están en xogo. Asina para unha migración máis segura para as “Mulleres en Marcha".