Asina por unha lei europea que protexa o medio ambiente e os dereitos humanos dos danos que ocasionan as empresas no estranxeiro!

Directiva Europea sobre Dilixencia Debida Empresarial. Defendamos a nosa casa común.

Cando empresas europeas que operan no estranxeiro se ven implicadas en danos ambientais ou violacións de dereitos humanos, decote fan caso omiso da súa responsabilidade. A ausencia de obrigas vinculantes para as empresas nestas materias contrasta coas barreiras que existen no acceso á xustiza para as persoas e comunidades afectadas pola súa mala praxe.

Mentres que as empresas poden abandonar o lugar dos feitos sen render contas, as vítimas das súas actividades acotío ven vulnerados os seus dereitos, contaminados os seus territorios e perden así os seus medios de vida. Para obter unha reparación, son as vítimas as que teñen que obter as evidencias, identificar o causante, atopar unha xurisdición que admita a súa demanda e enfrontarse cos avogados da empresa. Un proceso custoso, desigual e tan longo que é frecuente que haxa vítimas que morran antes de obter xustiza.

O pasado 23 de febreiro de 2022, a Comisión Europea publicou a súa proposta de Directiva Europea sobre dilixencia debida das empresas en materia de sustentabilidade. É un paso importante para lograr unha norma que, por primeira vez, establece obrigas vinculantes e réximes sancionadores para aquelas empresas que incumpran a súa obriga de respectar os dereitos humanos e ambientais nas súas cadeas de valor.

Porén, o borrador presentado pola Comisión Europea é moi mellorable:

  1. O número de empresas cubertas é moi limitado. Espérase que afecte a 13.000 empresas europeas (apenas o 1% do total) e a 4.000 empresas estranxeiras que operan en Europa. É necesario revisar a metodoloxía empregada para ampliar o ámbito.
  2. Máis aló do tamaño, o anteproxecto afecta ás empresas que operan en tres sectores de risco (téxtil, agroindustria e minería). Non obstante, un verdadeiro enfoque baseado no risco debe facer fincapé na responsabilidade de todas as empresas, adaptando as obrigas ás súas características particulares.
  3. Debe abordar claramente as barreiras á xustiza que impiden ás vítimas de abusos acceder a unha reparación integral nun prazo razoable (reverter a carga da proba, apoio económico, prazos legais…).
  4. Cómpre que o proceso de dilixencia debida non se reduza ao cumprimento de códigos de conduta e á obtención de certificacións externas, mais tamén que incorpore a obriga de consultar e garantir a participación segura e significativa das partes interesadas.
  5. O actual borrador non ten en conta a perspectiva de xénero nin a situación particular dos pobos indíxenas e as persoas que defenden os dereitos humanos e ambientais nos riscos presentes nas cadeas de subministración.

Ao longo de 2022, temos por diante a oportunidade de mellorar a proposta da Comisión Europea. Con todo, para logralo, precisamos convencer os nosos representantes no Parlamento Europeo para que introduzan as emendas necesarias na votación do texto que terá lugar no outono deste ano.

Precisamos a túa axuda para atinxir unha lei que faga verdadeira xustiza.

Asina esta petición e faremos chegar a túa voz aos nosos representantes no Parlamento Europeo, para que poñan fin á impunidade das empresas multinacionais e garantan o acceso á xustiza das vítimas.